Saltar al contenido principal

Martin Codax

Presentación

Entre todas as escolas trobadorescas da primeira Idade Media, a galego-portuguesa destaca polo interese das súas cantigas de amigo, en particular un pequeno grupo (medio cento) que se caracteriza polo uso da estrofa monorrima con refrán, o paralelismo (con ou sen lexa-pren) e o simbolismo naturista. Este tipo de composicións resulta moi afín ao que entendemos como poesía popular, e dende o período romántico permitiu supor que se trataba de vestixios da primitiva lírica vulgar en lingua romance.

Se hoxe segue a nos interesar este tipo de composicións, xa non é pola vixencia de tales conxecturas, senón pola súa afinidade coa poética posromántica que, en moitos aspectos, segue activa no noso contorno cultural. É o tipo de poesía ao que calquera estudante pode acceder sen mediación escolar ningunha, moito mellor que a outras manifestacións da poesía europea antiga. E entre todos estes autores, Martin Codax, por moitos aspectos, está no centro da atención de lectores, antólogos, filólogos e estudiosos en xeral.

En primeiro lugar, é o único trobador do que conservamos físicamente un cancioneiro persoal; outra cousa é o pergamiño Vindel. É moi probábel que non proceda directamente do autor; sen embargo, é o testemuño máis caracterizado de como puideron ser aqueles rolos ou follas de poesía que podemos ver representados nas miniaturas dos cancioneiros ou das Cantigas de Santa María, das que a miúdo nos falan os poetas e as vidas dos trobadores provenzais.

En segundo lugar, as súas son as únicas cantigas de amigo das que conservamos a melodía; até o aínda recente achado do fragmento Sharrer era tamén a única mostra de música profana galego-portuguesa. De feito, se revisamos as gravacións de melodías galego-portuguesas, segue a dominar nidiamente o panorama mentres aquel achado non se divulgue entre os músicos e se incorpore efectivamente no seu repertorio.

Mais, sobre todo, é un dos mellores representantes daquela escola lírica. A transparencia da súa linguaxe, o esquematismo aparente dos esquemas formais, o uso dun simbolismo profundamente ligado ao subconsciente colectivo da tradición europea, a mención obsesiva dun topónimo que suxire un contorno concreto e vivido fan del un modelo que o resto das circunstancias enumeradas contribuíron a impor nas nosas mentes como arquetipo de lírica medieval.

A invitación da Universidade de Alacant permitiume levar a cabo, a pequena escala, un vello proxecto que eu querería desenvolver para o conxunto desta escola; non obstante, non todas as institucións teñen a mesma receptividade para o traballo serio e as ambicións do filólogo. O meu agradecemento e felicitación por estas iniciativas, que se incardinan entre as máis rigorosas de canto se está a facer no ámbito das aplicacións informáticas aos estudos de investigación filolóxica.

Vicenç Beltran

Pódese acceder tamén á presentación do Cancionero de Martin Codax de Elsa Gonçalves.

Subir