11
«De ti no quedan más que estos fragmentos rotos. / Que alguien los recoja con amor, te deseo, / los tenga junto a sí y no los deje / totalmente morir en esta noche / de voraces sombras, donde tú ya indefenso / todavía palpitas». Tamén os versos de Valente encabezan e dan título a Corredores de sombra: «La memoria nos abre luminosos corredores de sombra». Idéntica funcionalidade reside nos versos de Lorenzo Varela en ASDF: «Queda eiquí, lonxe das vosas sombras».
12
Nunha entrevista publicada no Boletín Novidades Xerais con motivo da publicación da novela, o autor aclara: «Cando saíu o seu libro póstumo, Fragmentos de un libro futuro, atopeime alí cun poema que parecía feito para o meu libro, que daquela estaba en construción».
«A Valente descubrino contra fins dos anos 60. N.º 72 publicou Punto cero, unha obra que me marcou e me converteu en seguidor seu para o resto da vida. Hai poemas seus que sei de memoria».
Entrevista en El Progreso, 17 de marzo de 2008.
13
Non deixa de resultar curioso reparar na idéntica sonoridade dos pares de nomes elixidos nos tres títulos para os personaxes: Marta-Miguel (ASDF) / Sara-Daniel (NVS) / Clara-Miguel (CDS).
14
En ASDF asistimos á recuperación por parte dun protagonista adulto dun episodio ocorrido na súa adolescencia. Miguel, intrigado pola enigmática torre do faro de Pontebranca, da que todos na vila rexeitan falar, descobre na paraxe unhas figuras incorpóreas e inmóbiles. Anos despois coñecerá que nese lugar foron asasinadas moitas persoas na Guerra Civil, un feito silenciado e convertido en tabú por parte dos habitantes da vila. O dramatismo do relato acentúase na escena na que o protagonista adulto visita o faro para render a súa particular homenaxe á memoria dos mortos portando un ramo de rosas vermellas e descobre que se converteu nun monumento turístico máis. Tapiado o pozo no que se botaban os cadáveres, a sociedade segue ignorando e dándolle as costas á realidade dos feitos. Pola súa parte, en CDS a Guerra Civil funciona como pano de fondo da historia pois o interese neste caso céntrase no dilema moral e íntimo de Clara tras a descuberta do turbio pasado da súa familia, pertencente á estirpe dos vencedores; Clara debe asumir e aprender a vivir co que descobre, tomando as decisións oportunas en cada momento da súa vida en función da súa idade e das súas posibilidades.
15
Constitúen trazos comúns a escrita consciente e madura por parte dos narradores, que expresan o seu sentir e deixan constancia da súa historia con diferentes tratamentos da temporalización escollida: Sara (NVS)escribe case inmediatamente despois de vivir a súa experiencia, aínda adolescente, mentres que Miguel (ASDF) e Clara (CDS) o fan dende a madureza, o cal permite un desdobramento da voz narradora, a da visión adolescente e a da adulta. As cartas permiten ademais, no caso de Sara e de Clara, retroceder ao tempo da guerra, aínda que neste sentido o proceso vivido por Clara é moito máis intenso e complétase cos testemuños dos maiores que viviron aqueles acontecementos. En todo caso, os tres textos coinciden na defensa da necesidade de combater a desmemoria.
16
NVS e ASDF comparten a presenza do elemento sobrenatural, algo ausente en CDS.
17
Os carpinteiros adoitan tamén aparecer na obra de Fernández Paz e neste caso é o oficio elixido para ocupar os días dun Moncho xordo e entregado ao seu traballo. O autor ten explicado esta recorrencia na entrevista que acompaña a edición en castelán de Corredores de sombra (SM, col. Os libros de Agustín, 2006, p. 12) realizada por Begoña Oro Pradera: «Mi padre era músico y carpintero, sí. Es evidente que el que el oficio de carpintero esté muy cercano a mí influye a la hora de buscarle una profesión al abuelo de Miguel. Me gustaba como era esa profesión. Ahora todo es distinto, pero antes un carpintero hacía todo el proceso de construcción de un mueble, desde serrar el tablón hasta tallar los adornos. Muebles hechos con voluntad de permanencia, como los que todavía hay en mi casa familiar».
Resulta evidente a relación desta explicación do autor coas escenas nas que Sara describe o taller do tío Moncho ou repara nos mobles do cuarto e na súa requintada feitura.
18
Nos tres títulos os acontecementos van acompañados dunha historia de amor tamén diferente: en NVS, como xa apuntamos, dotada dun carácter efémero; en ASDF frustrada e en CDS prohibida desde os seus comezos polas diferenzas de clase, aspecto moi importante na conformación da personalidade de Clara, e logo esvaecida polo paso do tempo.
19
A represión exercida sobre os mestres en Galicia pode constatarse consultando o censo elaborado por Xosé Docampo (xenealoxia.org), onde se recollen os nomes de noventa fusilados. Algunhas das escenas e alusións que aparecen na novela constatan a barbarie represiva sobre este colectivo desde os primeiros momentos do golpe militar a través de expedientes informativos sobre o seu comportamento político, conduta moral e prácticas de ensinanza. As sancións contemplaban cuestións de militancia republicana, nacionalista, simpatías pola esquerda, irrelixiosidade, condutas inmorais, etc.
20
Unha imaxe que tamén está en ASDF: «os mesmos fantasmas que só poderán atopar acougo cando remate no noso país o tempo do desxeo, ese tempo inacabable que semella querer acompañarme durante o que me quede de vida».