21
Entrevista na edición castelá de Corredores, op. cit., pp. 15-16.
22
Igual que Clara (CDS) asume a cita tomada de Retrato do artista cando novo, de James Joyce, como unha filosofía vital de seu: «Non servirei por máis tempo a aquilo no que non creo, chámese o meu fogar, a miña patria ou a miña relixión. E tratarei de expresarme nalgún modo de vida ou arte, tan libremente como poida, tan plenamente como poida, usando para a miña defensa as únicas armas que me permito usar: silencio, desterro e astucia».
23
No ano de publicación de NVS, non estaba permitido o acceso público á Illa de San Simón, fermoso enclave situado na ría de Vigo. As guías turísticas non adoitan mencionar, ou fano de pasada, a parte máis sinistra e recente da súa historia, a súa utilización como colonia penitenciaria polo exército nacional. De 1936 a 1943 foron moitos os recluídos en San Simón. Os «paseos», a enfermidade, a inanición, a tortura, os intentos de fuga provocaron que os máis atopasen alí a morte e de feito poucos foron os que sobreviviron. Libros como os que se citan na novela, De cárcel en cárcel (1988), de Diego San José, e Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón (1995), de Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara M.ª de Saá, constitúen as fontes reais e relativamente recentes que divulgan a historia. A petición dun permiso especial para visitar o lugar que tamén se recolle na novela é así mesmo un aceno do autor á realidade, que menciona a Xavier Senín como a persoa que consegue o permiso para a visita, o Hostal Antolín, o barqueiro que acompañaba os visitantes e o garda da Illa. Existe un documental, titulado Aillados e dirixido por Antonio Caeiro (DVD, A Coruña: Buxó Producións, 2004), que recolle testemuñas recollidas entre 1987 e 1992 sobre o sufrimento dos presos da illa que pode ser un excelente acompañamento da lectura da novela.